Mostrando entradas con la etiqueta contacontos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta contacontos. Mostrar todas las entradas

26/5/08

Despedímonos ata o outono

O luns 26 de maio celebrouse na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión do Contomar deste curso. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura rematou a súa terceira tempada de existencia cunha sesión na que, tal e como anunciamos, celebramos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contamos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallamos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia. As fotos son da derradeira sesión deste exercicio. No outono, volveremos puntualmente á nosa cita con novas ideas e con enerxía renovada. Ata entón.








28/3/08

Celebración no Contomar con Migallas

O Contomar cumpriu dous anos o pasado mes de febreiro. Agora, o vindeiro luns 31 de marzo celebrarémolo. Será, coma sempre ás 18:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, pero esta vez contaremos coa actuación especial de Migallas Teatro e o seu espectáculo Cantacontos. En Espazo Lectura queremos celebrar deste xeito os dous anos do Contomar, dous intensos anos contando contos cada semana na Biblioteca Municipal de Gondomar. Moitas grazas a todas e todos os que acudistes a contar contos. Porque o máis fermoso do Contomar é que contan as nais e os pais. Moitas grazas a todas e todos os que acudistes a escoitalo. Entre toda e todos, fixemos que o Contomar sexa un referente da animación lectora no Val Miñor.
O Contomar do luns será unha sesión moi especial para este segundo aniversario. Esperámosvos.





14/3/08

Vacacións no Contomar

Este pasado luns os nenos do Contomar souberon do medo que pasou Cocorico mentres Gato Pelado estiraba a pata para collelo e papalo, divertíronse vendo todas as cousas que Se eu fose moi alto podería facer, respiraron aliviados cando o león conseguiu o silencio que precisaba A tartaruga que quería durmir e cantáronlle "Parabéns para ti" a Noa e mais a Emma, dúas das amigas do Contomar que celebraron connosco os seus cumprecontos: Noa co seu conto preferido, O galo Quirico, e Emma co seu, A ratiña presumida.

Agora, logo de tanta actividade, o Contomar vai coller vacacións e regresará o luns, 31 de marzo, ás 18:00h, coa actuación especial de Migallas Teatro e o seu espectáculo Cantacontos. Celebraremos así todos xuntos que levamos xa dous anos contando contos cada semana na Biblioteca Municipal de Gondomar. Boas vacacións e até o 31 de marzo!

19/10/07

O regreso á escola, tema do próximo luns

O regreso á escola será o tema da nova sesión de CONTOMAR o próximo luns, con contos como "O primeiro día de escola de TEO", "Iago vai á escola" ou "Mila vai á escola", historias que nos permitirán reflexionar cos nenos e nenas sobre o cambio de hábitos que supón a fin do verán e o comezo das clases. Ademais, incluiranse outras historias como "A viaxe das bolboretas", "As fabas máxicas" ou "Os tres porquiños".

Será o luns, 22 de outubro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar.