Mostrando entradas con la etiqueta Contomar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Contomar. Mostrar todas las entradas

29/9/08

Información sobre o Contomar

A partir de agora e por razóns de operatividade, informaremos sobre as actividades do Contomar desde o blog central de Espazo Lectura. Xa que logo, desde aquí daremos noticia das previsións de todas as sesións e do acontecido nelas. Seguiremos informando, pero desde aquí. Moitas grazas e desculpade as molestias.


¿Queres información sobre as actividades do Contomar? Pulsa aquí.

24/9/08

Volve o Contomar

A partir do luns 6 de outubro, Espazo Lectura levará de novo as sesións semanais do Contomar á Biblioteca Municipal de Gondomar. Estamos a preparar unha sesión especial da que axiña daremos noticias. Como o pasado ano, será os luns ás 18 h., favorecendo así un horario xa coñecido e refrendado polos nenos e nenas asistentes e as súas nais e pais. Esperámosvos.

26/5/08

Despedímonos ata o outono

O luns 26 de maio celebrouse na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión do Contomar deste curso. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura rematou a súa terceira tempada de existencia cunha sesión na que, tal e como anunciamos, celebramos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contamos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallamos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia. As fotos son da derradeira sesión deste exercicio. No outono, volveremos puntualmente á nosa cita con novas ideas e con enerxía renovada. Ata entón.








28/3/08

Celebración no Contomar con Migallas

O Contomar cumpriu dous anos o pasado mes de febreiro. Agora, o vindeiro luns 31 de marzo celebrarémolo. Será, coma sempre ás 18:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, pero esta vez contaremos coa actuación especial de Migallas Teatro e o seu espectáculo Cantacontos. En Espazo Lectura queremos celebrar deste xeito os dous anos do Contomar, dous intensos anos contando contos cada semana na Biblioteca Municipal de Gondomar. Moitas grazas a todas e todos os que acudistes a contar contos. Porque o máis fermoso do Contomar é que contan as nais e os pais. Moitas grazas a todas e todos os que acudistes a escoitalo. Entre toda e todos, fixemos que o Contomar sexa un referente da animación lectora no Val Miñor.
O Contomar do luns será unha sesión moi especial para este segundo aniversario. Esperámosvos.





21/2/08

Non temos medo!

Na próxima sesión do Contomar, o luns 25, ás 18:00h, na biblioteca municipal de Gondomar, imos falar dos medos infantís. Contos como O Papón, O monstro de Ricardo, Onde viven os monstros ou Comemedos hannos axudar a achegarnos cos nenos e nenas a este tema.


1/2/08

Descanso de entroido

Este próximo luns día 4 non haberá sesión do Contomar. Desexámosvos que gocedes do entroido e da variada oferta de actividades que estes días imos ter en Gondomar. Vémonos de novo o día 11 de febreiro.

22/11/07

Berrobambán Teatro no Contomar

Berrobambán Teatro actúa este luns no CONTOMAR

Luns, 26 de novembro, ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar

O próximo luns a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá a representación do espectáculo de animación á lectura "Un conto que nin pintado" da compañía Berrobambán Teatro, dentro da programación do proxecto de fomento da lectura CONTOMAR que organiza a Asociación de Nais e Pais As Pontes. Con esta proposta queremos enriquecer a oferta de actividades que promove o CONTOMAR e contribuír a reforzar o traballo de fomento da lectura que semana a semana, desde hai case dous anos, realizamos coas sesións de contacontos.




Un espectáculo de animación lectora

Neste espectáculo Berrobambán emprega o teatro como medio de achega á animación á lectura, pois a lectura enriquece o imaxinario do público infantil e crea unha ponte coa ficción indispensable para a creación artística. O xogo do teatro, a miúdo con claves de clown, recrea os procesos que compoñen a elaboración dun libro: o seu xermolo, a inspiración, a redacción, a ilustración, a edición, ata chegar ás mans d@s lectores/as. É un espectáculo de pequeno formato, case coreografidos entre un par de actores e moito, moito papel. O libro está presente non só na propia historia, senón tamén de forma físca nos obxectos, converténdose así no único e real protagonista do espectáculo.


16/10/07

Comeza unha nova tempada

As sesións terán lugar todos os luns ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. A Asociación de Nais e Pais "As Pontes", do CRA Antía Cal de Gondomar, retomou onte o proxecto de dinamización lectora CONTOMAR que inclúe, entre outras actividades, unha sesión semanal de contacontos para nenos e nenas de máis de tres anos na Biblioteca Muncipal.
A primeira sesión deste curso, que se celebrou onte coa asistencia de máis de 40 nenos e nenas, levou por título "Pasámolo ben, pero temos normas" e incluíu, ademais dun repaso das normas de uso da biblioteca, contos que trataban da importancia de mantermos comportamentos respectuosos, solidarios e amables cara aos demais como "A xoaniña rosmona", "Eduardo, o neno máis terrible do mundo", "O poliño da abelaira", "A casa dos gatos" ou "O sorriso de Daniela".



A actividade de promoción da lectura "Contomar" chega así á súa terceira tempada nun esforzo por ofrecer en Gondomar un espazo estable e educativo de encontro cos contos e coa lectura e por fomentar nos nenos e nenas o hábito de acudir á biblioteca pública. Ademais das sesións semanais de contacontos a cargo dun grupo de nais e pais, o proxecto incluirá tamén, como en anos anteriores, actuacións especiais e encontros con autores e ilustradores.

Manteranse tamén propostas como o carné de socio con estrelas semanais e os diplomas de asistencia para premiar a fidelidade dos nenos e das familias. Por último, este ano incorporaremos, ademais, a novidade dos "cumprecontos", sesións especiais nas que converteremos en protagonistas dos contos aqueles nenos e nenas que fagan anos.