16/10/07

Comeza unha nova tempada

As sesións terán lugar todos os luns ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. A Asociación de Nais e Pais "As Pontes", do CRA Antía Cal de Gondomar, retomou onte o proxecto de dinamización lectora CONTOMAR que inclúe, entre outras actividades, unha sesión semanal de contacontos para nenos e nenas de máis de tres anos na Biblioteca Muncipal.
A primeira sesión deste curso, que se celebrou onte coa asistencia de máis de 40 nenos e nenas, levou por título "Pasámolo ben, pero temos normas" e incluíu, ademais dun repaso das normas de uso da biblioteca, contos que trataban da importancia de mantermos comportamentos respectuosos, solidarios e amables cara aos demais como "A xoaniña rosmona", "Eduardo, o neno máis terrible do mundo", "O poliño da abelaira", "A casa dos gatos" ou "O sorriso de Daniela".



A actividade de promoción da lectura "Contomar" chega así á súa terceira tempada nun esforzo por ofrecer en Gondomar un espazo estable e educativo de encontro cos contos e coa lectura e por fomentar nos nenos e nenas o hábito de acudir á biblioteca pública. Ademais das sesións semanais de contacontos a cargo dun grupo de nais e pais, o proxecto incluirá tamén, como en anos anteriores, actuacións especiais e encontros con autores e ilustradores.

Manteranse tamén propostas como o carné de socio con estrelas semanais e os diplomas de asistencia para premiar a fidelidade dos nenos e das familias. Por último, este ano incorporaremos, ademais, a novidade dos "cumprecontos", sesións especiais nas que converteremos en protagonistas dos contos aqueles nenos e nenas que fagan anos.

1 comentario:

Anónimo dijo...

grazas "contacontos" por amenizar a lectura ós mais cativos, e os que non o son tanto, facendo este tipo de actividades. Está moi ben e aconsello-vos, a todos aqueles que nunca o viron, que o descubrades vos mesmos. Un saudo.