25/5/08

Este luns, a sesión de despedida

Como nos anos anteriores, o próximo luns celebraremos a última sesión do Contomar por esta tempada. Volveremos novamente en setembro. A última sesión será o 26 de maio, coma sempre ás 18:00h, na Biblioteca Municipal de Gondomar. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura despídese así nesta súa terceira tempada cunha sesión na que celebraremos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contaremos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallaremos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia.



O Contomar botou a andar no mes de febreiro do 2006 e mantívose activo até a actualidade, dando lugar ao nacemento da asociación de fomento da lectura Espazo Lectura que puxo en marcha nestes últimos meses novas propostas de dinamización como o club de lectura compartida Lendo contigo ou a campaña Bookcrossing no Val Miñor. Neste último curso contáronse case 200 contos nas 30 sesións celebradas, ás que asistiron unha media de 35 nenos e nenas por sesión, cun total de 70 nenos que se fixeron socios da actividade.

Tamén celebramos SESIÓNS ESPECIAIS con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.), nas que procurabamos agasallar os nenos e nenas con contos e propoñer algunha actividade especial. Durante este curso tamén se fixeron outro tipo de sesións especiais en que contamos coa presenza de convidados como a ilustradora Chus Ferrín ou o grupo de música e teatro Migallas.

AS SESIÓNS realizáronse sempre con libro xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura. Pretendemos, polo tanto, que vexan que esas historias que lles gustan están nos libros, e faise fincapé nos nomes dos autores e dos ilustradores, procurando que a selección semanal teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil. Durante estes dous anos e medio fomos chamados por diversos centros de ensino do Val Miñor para realizar sesións nas escolas e colexios.

Con esta actividade Espazo Lectura pretende ofrecer en Gondomar un lugar estable de encontro cos libros e a lectura no que as familias teñen un papel fundamental. Pretende ademais dinamizar a Biblioteca Municipal e convertela nun referente habitual para os nenos e nenas e para as familias, nun esforzo por consolidar os hábitos lectores e culturais.